A Asociación agradece o respaldo da Xunta á estación de mercadorías

A Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao agradece o respaldo da Xunta á estación de mercadorías, cos fondos europeos como a oportunidade para o seu financiamento.

  • A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou esta semana os terreos nos que se proxecta a construción da terminal e comprobou de primeira man a súa idoneidade.
  • O presidente da Asociación de Empresarios, José Antonio Rodríguez Araujo, agradeceu o seu apoio para este proxecto estratéxico que favorecería o crecemento da área industrial.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou esta semana os terreos reservados na Cidade do Transporte para a Estación de Mercadorías Ferroviarias, que está a concitar un amplo consenso entre todas as administracións, aínda que será o Goberno central, a través de ADIF, quen teña a última palabra.

No transcurso da visita, a conselleira explicitou o apoio da Xunta de Galicia a unha infraestrutura que os empresarios do Polígono consideran estratéxica.

Tanto os empresarios do Polígono San Cibrao como a propia conselleira coincidiron na oportunidade que supoñen os fondos Next Generation para o seu financiamento, pois o fomento do transporte por ferrocarril é unha das prioridades dos plans de recuperación europeos.

Non en balde, priorizarán o investimento en tecnoloxías respectuosas co medio ambiente, creando transportes públicos máis ecolóxicos.

Tras unha reunión na Asociación de Empresarios, a conselleira de Infraestruturas visitou os terreos nos que está previsto levar a cabo o proxecto, acompañada polo alcalde de San Cibrao, Pedro Fernández; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente dos empresarios, José Rodríguez Araujo.

Anteproxecto

Trátase dunhas parcelas lindeiras coa Cidade do Transporte, de 103.560 m2, aos que se engadirían con esta proposta 26.319 m2 máis. Trátase de conectar dúas vías pasantes e dúas vías mortas a ambos os dous lados dunha plataforma de descarga e conectadas á súa vez á vía que comunica a estación de Taboadela e a terminal de Coren.

A súa localización nesta zona permitiría liberar algo máis de 140.000 metros cadrados na Estación Empalme da cidade, concretamente na zona que dá á rúa Río Arnoia, utilizada como terminal de carga. Esta iniciativa xa recibiu o apoio por parte do Congreso, Parlamento e Concello de Ourense mediante diferentes acordos. Previamente explicitábano a Deputación provincial e o Concello de San Cibrao.

Cabe lembrar que actualmente o 90% das mercadorías de Ourense móvense no cinto empresarial que forman o polígono de San Cibrao, Barreiros, Seixalbo e Pereiro de Aguiar. Ademais, o transvasamento de mercadorías da estrada ao ferrocarril é un obxectivo prioritario dos gobernos e da propia UE polo aforro de enerxía e económico, a menor contaminación, a redución de accidentes ou a menor ocupación do territorio, entre outros motivos. As empresas situadas nestes polígonos moven máis de 3 millóns de toneladas anuais de mercadorías por estrada, equivalentes a uns 120.000 camións. Por iso que os fondos europeos son a oportunidade idónea para que este ansiado proxecto salga adiante, tal e como sinalou a conselleira.

A estimación do custo desta nova terminal é de 20,5 millóns de euros.