Un estudo da UVigo determinará o impacto real da pandemia no Polígono San Cibrao

Este traballo actualizará o informe “O Polígono en cifras” que se fixo en 2018, cando se habían recolleito e analizado máis de 40.000 datos.

A Xunta Directiva da Asociación de Empresarios deu conta da realización dun macro estudo económico co que pretenden radiografiar a área industrial.

Un dos principais obxectivos do traballo, segundo detallou o presidente da entidade, é dar a coñecer con exactitude o impacto que tivo a pandemia no polígono de San Cibrao, para o que se remitiron enquisas a todas as empresas que forman parte da mesma.

Deste xeito, a Asociación tamén procederá á actualización do proxecto “Polígono en Cifras”, un estudo creado en 2018 para avaliar, documentar e coñecer con exactitude a realidade empresarial da área industrial e poñela en relación con outros espazos empresariais de Galicia.

Por aquel entón, os resultados do documento –no que tamén colaboraron, como agora, a Deputación de Ourense e un equipo da Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Vigo- situárona como un referente do norte peninsular no referente a diversificación.

A actualización do estudo foi un dos temas tratados na Xunta Directiva da Asociación, presentándose este novo informe como a ferramenta idónea para coñecer as consecuencias que a covid-19 provocou nas empresas do polígono de San Cibrao, ao mesmo tempo que se profunda noutros temas de interese, o que achegará unha nova dimensión ao resultado.

Así, a investigación aborda aspectos como a transformación dixital, a sustentabilidade, a economía circular ou as políticas de xénero.

Despois de tres anos e unha pandemia polo medio, a actualización dos datos recolleitos en 2018 e a inclusión doutros novos permitirá realizar unha completa radiografía do epicentro industrial da provincia.

E é que, probablemente, neste período de tempo aceleráronse os profundos cambios xa detectados na segunda década de século.

É por iso que desde o órgano xestor faise un chamamento ás compañías para que colaboren achegando a información que permitirán realizar esta exhaustiva análise.

Unha macro enquisa entre as empresas profundará noutros aspectos como na transformación dixital, a igualdade ou a sustentabilidade.

Os asociados do polígono de San Cibrao xa foron informados da realización deste traballo e fíxoselles chegar unha ligazón no que poden colaborar achegando unha información que resulta imprescindible para seguir impulsando a área industrial e poñéndoa en valor.

Como xa sucedeu na edición anterior, os datos compartidos serán utilizados exclusivamente de forma anónima e conxunta, para coñecer a situación do Polígono no momento actual e a súa proxección cara o futuro, quedando garantida en todo momento a confidencialidade.

Este traballo, do mesmo xeito que o do 2018, será realizado polo departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo a través dun equipo de traballo formado polos profesores Isabel Dieguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, todos eles da Facultade de Empresas e Turismo do Campus Universitario de Ourense

No elaborado no ano 2018 recolléronse e analizaron máis de 40.000 datos para facer unha foto na que quedaba reflectida o alto impacto do Polígono de San Cibrao das Viñas nas economías ourensás e galegas a través da actividade económica que se desenvolvía nas súas 4.800.000 metros cadrados (podería albergar xuntos nos seus terreos ao segundo, Sabón, e ao terceiro, A Grela), cun grao de ocupación superior ao 88 %, e caracterizado polo seu multesectorialidad e transversalidade.