- O informe foi actualizado, catro anos despois da súa creación como ferramenta de traballo, coa colaboración da Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense.
- José Antonio Rodríguez Araujo: “O impacto foi enorme, pero tamén a nosa capacidade de recuperación. Este estudo é un baño de realismo, pero tamén unha chamada ao optimismo fundado”.
Aínda que foron moitas as crises económicas ás que tiveron que facer fronte as empresas do polígono de San Cibrao desde as súas orixes, nunca se deu un fenómeno como o que ocasionou a pandemia.
E é que xa o explicou o presidente da Asociación de Empresarios, José Antonio Rodríguez Araujo, no discurso de presentación do estudo “Polígono en cifras”:
“Non podiamos deixar pasar unha situación tan excepcional como a vivida sen analizar como nos afectaba”.
Por iso decidiuse actualizar o documento, que foi presentado na sede da entidade empresarial como un concienzudo e rigoroso traballo de investigación que retrata ao polígono como o que é: un dos máis importantes de Galicia, o máis grande en extensión e o máis diversificado.
Acto de presentación do Polígono en Cifras
No acto de presentación, José Antonio Rodríguez Araujo estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e o coordinador do equipo de investigación da Universidade de Vigo, Andrés Mazaira.
Coñecer con exactitude o impacto que tivo a pandemia no polígono de San Cibrao foi o principal obxectivo que levou á Asociación de Empresarios a promover a actualización do proxecto “Polígono en Cifras”, un estudo creado en 2018 para avaliar, documentar e coñecer con exactitude a realidade empresarial da área industrial e poñela en relación con outros espazos empresariais de Galicia.
Tres anos despois e unha pandemia polo medio, a actualización dos datos permite realizar unha completa radiografía do epicentro industrial da provincia.
Tal e como sinalou Rodríguez Araujo, “o impacto foi enorme, pero tamén mostra capacidade de recuperación”. Por iso, o presidente dos empresarios considera que “este estudo é un baño de realismo, pero tamén unha chamada ao optimismo fundado”.
Os datos reflicten que 3 de cada 4 compañías que sufriron caídas na súa facturación xa recuperaron o nivel anterior á pandemia ou prevén facelo neste mesmo ano.
E para afirmalo baséase en datos como que 3 de cada 4 empresas do polígono que viron reducida a súa facturación ou xa a recuperaron ou esperan facelo este ano.
No informe tamén destacan datos como os 106.142 millóns de euros que se corresponden á facturación total de todos os grupos empresariais que ten instalacións no Polígono (AcelorMittal, Aceites Abril, Cie Automotive, Faurecia, Finsa, Grupo Comsa, Aernova- Coasa, Coren, Hijos de Rivera, Loxística Cuevas, Adolfo Domínguez ou Grupo Pérez Rumbao), o que confirma a este espazo industrial como imán dos grandes grupos nacionais e internacionais.
O Polígono de San Cibrao é un referente en Galicia non só pola súa dimensión (420 empresas con ao redor de 8.350 traballadores que desenvolven unha actividade en 4.800.000 metros cadrados) senón tamén pola súa diversidade, reflectida nas case 700 actividades económicas que se desenvolven nel e polo seu dinamismo e capacidade para sobrepoñerse a momentos difíciles e continuar na senda do crecemento, como se demostra no estudo que acaba de ser actualizado e presentado.
Nesta mesma liña pronunciouse o alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández, facendo alusión ao enorme potencial do polígono e ao seu futuro:
“Este estudo é a evidencia de que todo o que podamos facer desde as administracións por esta área industrial é pouco en relación ao retorno que xera. E non estou a falar só de San Cibrao, senón da provincia de Ourense e Galicia. Penso, en particular, en cuestións como a estación de mercadorías ferroviarias, na ampliación ou na necesaria e continua mellora das comunicacións”.
Máis dun centenar de variables analizadas
Na súa intervención, o coordinador do equipo de investigación da Universidade de Vigo, Andrés Mazaira, ofreceu unha análise exhaustiva dos datos.
Explicou que a análise cruzada das distintas variables analizadas (que nesta segunda edición do estudo superan xa o centenar), permite extraer unhas conclusións entre as que destaca o feito de que Polígono Industrial de San Cibrao continúa configurándose como o polígono industrial de referencia do sur de Galicia.
Tamén lanzou Andrés Mazaira datos relevantes sobre a transformación dixital das empresas.
Así, máis da metade das empresas participantes no estudo realizaron xa, a día de hoxe, investimentos nas denominadas tecnoloxías emerxentes (automatización, robotización, internet das cousas, ferramentas de análises e tratamentos de datos, intelixencia artificial…), unha cifra que ascende ata o 66% se nos referimos ás que planean incorporalas no curto prazo.
En canto á aposta das empresas pola sustentabilidade, engadiu, “1 de cada 2 empresas considérana un elemento fundamental na axenda estratéxica da compañía e 1 de cada 3 posúen plans de redución de consumo enerxético e de incremento de consumo de enerxías limpas“.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, pechou o acto de presentación asegurando que as cifras do estudo son “para sentir orgullo desta área empresarial”, á que se referiu como “o polígono de Galicia”.
Tamén subliñou que os datos son positivos e constatan que “existe esta realidade, unha realidade que muda para ben”, concluíndo que as cifras da súa dimensión, diversidade e dinamismo falan por si soas.
Por último, e facendo alusión á crise económica que trouxo a pandemia, o presidente da entidade provincial insistiu en que o polígono non só resistiu o envite, senón que o fixo mellor que outros.
Tamén animou á directiva da Asociación de empresarios a seguir traballando na mesma liña para continuar mellorando as positivas cifras que lanza o estudo.