O emprego feminino e masculino no Polígono San Cibrao

O Polígono San Cibrao atópase experimentando unha tendencia ao equilibrio entre o emprego feminino e o masculino, cunha porcentaxe superior ao de Galicia e España.

As novas regulacións e as esixencias da sociedade converteron a diversidade, a inclusión e a sustentabilidade en temas relevantes para as organizacións.

O 38% das empresas que participaron nesta segunda edición do Polígono en Cifras posúen Plan de Igualdade, porcentaxe que supera a proporción de empresas de máis de 50 traballadores, que son ás que llo esixe a lexislación vixente.

O compromiso coa igualdade e a súa integración nos procedementos de xestión dos recursos humanos das empresas do polígono obsérvase:

  • nos procesos de contratación de persoal (o 60% das empresas incorporaron aos seus persoais un número de mulleres superior ou igual ao de homes nos últimos 4 anos),
  • nas políticas de promoción.

Así o demostra o dato de que o 72% das empresas promocionasen un número de mulleres igual ou superior ao de homes, no caso dos postos non directivos. No caso dos postos directivos supuxo máis dun 80%.

Tamén nos plans de formación obsérvase a progresiva ruptura de barreiras de xénero en materia de emprego, limitándose ao 4% as empresas que teñen algún programa de formación ao que non poidan acceder o persoal dalgún dos xéneros.

No terceiro trimestre do ano 2021 o 41,1% do total de traballadores no Polígono San Cibrao son mulleres, case 10 puntos máis que o que supoñía o emprego feminino no estudo o Polígono en Cifras realizado ano 2018, superando desta maneira en 11 puntos a porcentaxe de emprego feminino no sector da industria manufactureira en Galicia (que é do 29,9%) e en 14,3 a media de España (onde o emprego feminino supón o 26,8%).

Incremento de traballadores con estudos superiores e dedicado a actividades de I+D

Do mesmo xeito que sucede co emprego feminino, tamén segue crecendo o nivel de formación dos traballadores do Polígono San Cibrao.

A porcentaxe de traballadores con estudos superiores é do 30,9% do total (3,5 puntos máis que no informe do ano 2018), achégase á porcentaxe que xa posúe o Parque Tecnolóxico de Galicia, onde a porcentaxe de traballadores con formación superior representa o 46,6%.

Tamén mostra unha evolución positiva o número de traballadores dedicados a actividades de I+D, que logran superar o 6,6% (porcentaxe que nas empresas da Tecnópole supoñen o 12,5%).

Emprego directivo

A porcentaxe de mulleres que ocupan postos directivos nas empresas do Polígono San Cibrao segue crecendo, situándose en setembro de 2021 no 30,9% (máis dun punto e medio por encima da porcentaxe que representaban no ano 2018), aínda que segue claramente por baixo de máis do 41% que representa o emprego feminino sobre o total.

Unha porcentaxe que se sitúa en liña co das mulleres directivas galegas, que o estudo “ Woman in Business 2021” sitúa no 34% para o conxunto dos sectores e por tanto probablemente por encima do fixado para o caso das empresas do sector industrial, onde a presenza é inferior á do conxunto de actividades (+,- 7 puntos por baixo).

Desta forma a porcentaxe de mulleres directivas no Polígono San Cibrao sobre o total de emprego feminino sitúase no 7% (cun crecemento de máis de medio punto respecto ao ano 2018, cando era do 6,4%), aínda que esa porcentaxe é aínda inferior que no caso dos homes, onde os directivos son o 9% sobre o total de empregados.