A Cultura Lean cobra forza entre as empresas do Polígono San Cibrao.
A filosofía baséase en maximizar o valor engadido que se ofrece ao cliente aforrando recursos e sempre baixo o paraugas da mellora continua e esta mañá deuse a coñecer nunha Máster Class que tivo a Asociación de Empresarios como escenario.
Expertos de ARN Consulting, que arrincou a súa andaina nos inicios do 2021 como a spin-off da extinta Renault-Nissan Consulting, foron os encargados de impartir a sesión.
Laura Izquierdo, Manuel Vázquez, Ricardo García e César Palencia instruíron aos asistentes sobre a importancia da Cultura Lean presentando casos reais de transformacións adoptadas e desenvolvidas en compañías de diferentes sectores.
Tal e como explicou Vázquez, a Cultura Lean é aplicable a calquera tipo de organización, non só no sector automobilístico, “e a súa aplicación cobra gran importancia tendo en conta o tecido industrial de Ourense”.
A mellora de competitividade como obxectivo
Ao longo da mañá, tamén se incidiu na necesidade dunha dobre velocidade neste tipo de transformacións:
- Proxectos de mellora a curto prazo (canalizadas a través de metodoloxías de mellora por proxectos: DMAIC, por exemplo).
- Transformación Cultural (mellora integrada en todos os ámbitos: Despregamento Estratéxico, Persoas, Procesos e rutinas e Tecnoloxía).
O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araujo, presentou a xornada titulada Transformación cultural lean na práctica.
Asegurou que ofrecer formación ás compañías para que melloren a súa competitividade “é un dos principais obxectivos da entidade que represento, máis aínda nunha época na que o contexto económico segue poñendo a proba ás nosas empresas”.
Tamén animou aos asistentes para aproveitar este tipo de iniciativas que buscan mellorar a competitividade e animounos a “seguir mirando con optimismo cara o futuro”.
Con esta Máster Class, ARN Consulting e a Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao inician un camiño de colaboración para mellorar a competitividade das empresas da contorna de Ourense e de toda Galicia.