Presentación V Edición Programa ViaExterior

As empresas do polígono de San Cibrao poñen as súas miras na internacionalización co asesoramento de ViaExterior, iniciativa da Zona Franca de Vigo

A presentación da quinta edición de ViaExterior na sede da Asociación de Empresarios de San Cibrao serviu para que moitas empresas puxesen as miras en novos mercados.

A iniciativa do Consorcio da Zona Franca de Vigo ofrecerá asesoramento e formación para favorecer o seu proceso de internacionalización.

Do total de candidaturas presentadas seleccionaranse 20 compañías galegas ás que se dirixirá o programa durante un período de sete meses.

Contará con tres fases relacionadas con: estratexia, aceleración e financiamento

O prazo para a inscrición de candidaturas remata o 30 de setembro.

Novos horizontes de mercado

O presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, asegurou que iniciativas como ViaExterior son as que deben ofrecerse aos empresarios para abrir novos horizontes de mercado:

“A iniciativa do Consorcio da Zona Franca de Vigo é acelerar e aumentar o éxito da internacionalización das empresas galegas, un valor engadido para as compañías nestes tempos convulsos que de novo tócannos vivir. ViaExterior é un exemplo do camiño que debemos seguir para apoiar aos empresarios, brindándolles asesoramento e formación para seguir crecendo”.

Tamén lembrou Rodríguez Araújo que o estudo “O polígono en cifras”, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, presenta datos significativos no que se refire á internacionalización das empresas.

Así, 3 de cada 4 compañías do polígono de San Cibrao que comercializan os seus produtos nos mercados internacionais foron capaces de manter ou incrementar o seu volume de exportacións a pesar da covid-19.

O experto Antonio de la Cruz, explicou con detalle os obxectivos da iniciativa e animou ás empresas a participar para obter unha valiosa formación e asesoramento para a internacionalización.

Lembrou que moitas empresas xa se beneficiaron en edicións anteriores.

Non en balde, máis dun centenar de compañías participaron xa e o 90% logrou entrar, polo menos, nun novo mercado.