COMUNICADO CON MOTIVO DA FOLGA DO SIDEROMETAL

Comunicado da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao

En primeiro lugar, queremos solidarizarnos e mostrar todo o noso apoio ás persoas que libremente están a decidir exercer o seu lexítimo dereito ao traballo, así como ás empresas que están a manter a actividade, que son en ambos os casos a inmensa maioría das afectadas pola folga do siderometal, convocada unicamente na provincia de Ourense.

Aos sindicatos convocantes esixímoslles respecto para os traballadores e empresas que decidiron seguir traballando nun momento de máxima dificultade para o mantemento da actividade empresarial e o emprego, o mesmo que todos os demais profesamos a quen decide sumarse á convocatoria.

Condenamos explicitamente as accións violentas que se están producindo en diferentes puntos da provincia, en particular as que teñen lugar no Polígono ao que representamos, e que son o máis claro exemplo de que non se pode defender un dereito como o da folga pisando outros, como o dereito ao traballo.

Aos sindicatos, e moi particularmente a UXT e CC.OO., pedímoslles que se fagan cargo da conxuntura económica xeral e que reconsideren desde o sentido común a proposta que teñen sobre a mesa ou polo menos se senten a negociala porque:

  • Mellora notablemente o incremento que ambos sindicatos aprobaron para os funcionarios deste país, cun aumento do 9,5% en tres anos, fronte ao 13% que ofrece a parte empresarial para deter esta folga: 5% para este ano, 4% para o 2023 e 4% para o 2024.
  • Custa entender que o que serve para os funcionarios non sirva para os traballadores do siderometal, nin sequera cando o incremento salarial ofertado a estes últimos mellórase en máis dun 3,5% en tres anos con relación aos empregados públicos.
  • A subida ofertada pola parte empresarial (5%) case duplica a subida media dos salarios pactados en convenio en España ata o pasado mes de agosto, que se situou no 2,60%. E o mesmo durante os dous anos seguintes (4% en 2023 e 2024). Se nos centramos en Galicia, a subida dos salarios pactados por convenio ata agosto foi do 3,71%, tamén moi por baixo do 5% ofertado onte en Ourense aos sindicatos. No caso da provincia de Ourense, esa subida foi do 2.39% ata agosto pasado.
  • Ademais, o incremento salarial ofertado pola parte empresarial para este ano está moi por riba da subida do 3,6% para o salario mínimo, pactada entre o goberno e os mesmos sindicatos.
  • Tamén está por riba do Acordo Interconfederal para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) 2018-2020, que propoñía subidas salariais arredor do 2% máis un punto porcentual ligado á produtividade, os resultados empresariais e o absentismo laboral.

Ademais de respecto e sentido común, ás tres centrais sindicais pedímoslle concordia e concertación para poñer fin a unha folga que dana, desde logo, á actividade empresarial, á economía ourensá e, senón se remedia, a estabilidade do emprego, pero que tamén dana (e moito) a quen a secunda e ao conxunto dos traballadores e traballadoras do sector.

A última oferta contemplaba o pago de atrasos, ao 5%, desde xullo deste ano. Cando acabe esta semana, despois dos dous días de folga da anterior e os tres da actual, os traballadores perderían o equivalente aos atrasos de 5 meses, porque cada día de folga suponlle a cada traballador perder o equivalente a un mes de atrasos.

Este último é un sinsentido máis dunha folga que parece responder máis ao interese dalgún sindicato que á defensa do interese do conxunto dos traballadores, pois, como diciamos ao principio, estamos a falar dunha oferta de subida salarial con poucos precedentes ou ningún na historia das negociacións colectivas en Ourense (13% en 3 anos) e moi superior á media das que se están pactando neste momento en España.