O emprazamento no Polígono San Cibrao dunha Estación de Mercadorías é unha das principais reivindicacións dos empresarios desta área empresarial.
A iniciativa xa está sobre a mesa de todas as Administracións, que a apoiaron tanto a nivel local como provincial, autonómico e nacional.
Apoio unánime
O proxecto recibiu o respaldo dos concellos da contorna, como Ourense e San Cibrao, a Deputación de Ourense, o Parlamento de Galicia, a propia Xunta de Galicia e o Congreso dos Deputados, ademais da Confederación de Empresarios de Galicia.
O venres pasado, a Estación de Mercadorías recibiu un novo impulso no pleno da Deputación de Ourense, no que todos os grupos políticos manifestaron a necesidade de levar a cabo a súa construción e apoiaron de forma unánime a moción do Partido Popular, defendida pola alcaldesa de San Cibrao e vicepresidenta da entidade provincial, Marta Nóvoa.
Na sesión plenaria lembráronse algunhas cifras que reafirman a idoneidade desta proposta.
E é que o 90 % das mercadorías de Ourense móvense no cinto empresarial deste polígono, Barreiros, Seixalbo e Pereiro de Aguiar e a súa construción permitiría liberar 140.000 metros cadrados de chan no corazón do barrio da Ponte, pois en realidade trátase de trasladar o que hoxe é a estación de mercadorías situada na Estación de Ourense á Cidade do Transporte do Polígono.
Os polígonos ourensáns están a mover actualmente 3 millóns de toneladas anuais, 120.000 camións.
Agora, como seguinte paso, os empresarios do Polígono explicarán persoalmente ao Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián Ruiz, o seu proxecto durante unha visita que realizará á área industrial tras ser convidado pola alcaldesa, Marta Nóvoa, despois de coincidir ambos os en Ourense con motivo da entrada en funcionamento dos trens Avril.
A reunión aínda non ten data, pero o presidente da entidade, José Antonio Rodríguez Araujo, espera que sirva para convencer ao comisionado da oportunidade estratéxica para o Polígono, a cidade de Ourense, a provincia e Galicia de trasladar a actual estación de mercadorías a San Cibrao, aproveitando as vías xa existentes.