A Xunta aproba a ampliación do Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas cun investimento de 17,8 millóns de euros

A Xunta aproba a ampliación do Polígono de San Cibrao cun investimento de 17,8 millóns de euros. A Asociación de Empresarios destaca o impacto positivo desta decisión no desenvolvemento económico e industrial da provincia.

Vista aéra ampliación de terrenos Polígono San Cibrao

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a licitación das obras de urbanización da ampliación do Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas, que sumará 341.542 m² de novo solo industrial e estará dispoñible para as empresas en 2028.

O proxecto, promovido por Xestur Galicia, contempla unha inversión global de 17,8 millóns de euros e permitirá urbanizar cinco mazás principais con parcelas de entre 1.400 e 68.000 m². Inclúe tamén zonas verdes, servizos e melloras ambientais, e avanza en paralelo coa licitación das obras de saneamento do río Barbaña e a nova EDAR de San Cibrao.

A Asociación de Empresarios celebra a decisión da Xunta

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao celebrou este anuncio como “un paso estratéxico para o desenvolvemento industrial de Ourense”.

O seu presidente, José Antonio Rodríguez Araujo, destacou que “é unha excelente nova para o tecido empresarial e para o polígono”. Valorou que a ampliación de 340.000 m² de solo industrial antes de 2028 “reforzará a competitividade e atraerá novas inversións”.

Rodríguez Araujo agradeceu “a aposta clara da Xunta por San Cibrao e por Ourense”, e subliñou que esta actuación “mellorará a conectividade e a capacidade loxística, consolidando ao Polígono como motor industrial de Galicia”.

A Asociación incidiu tamén na importancia de traballar coordinadamente coas administracións para garantir unha execución áxil e axustada ás necesidades reais das empresas.

Compromiso co futuro empresarial de Ourense

O presidente lembrou que a entidade continuará impulsando proxectos estratéxicos, como a Estación de Mercadorías Ferroviarias, clave para completar a modernización loxística da provincia.

A Asociación renova o seu compromiso co desenvolvemento industrial e o progreso económico de Ourense”, concluíu Rodríguez Araujo, “porque decisións coma esta consolidan unha provincia máis competitiva e con máis futuro”.