O Foro Ourense Industrial, organizado pola Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao, reuniu representantes empresariais e administracións públicas para avanzar na construción da Estación de Mercadorías Ferroviarias de San Cibrao e debater sobre o futuro do transporte en Ourense.
A xornada concluíu cun compromiso institucional firme:
- A Xunta de Galicia expropiará os terreos necesarios.
- O Concello de San Cibrao facilitará a modificación urbanística do PXOM.
- A Deputación de Ourense financiará a redacción do proxecto definitivo.
O presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez Araújo, destacou que a estación beneficiará un cinturón industrial de máis de 13.000 traballadores e 7,5 millóns de m².
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, comprometeu o apoio da Xunta e asegurou que “a Cidade do Transporte converterase no centro neurálxico das mercadorías en Galicia”.
O conselleiro Diego Calvo engadiu que “as administracións deben sumar esforzos para facer realidade este proxecto estratéxico”.
O presidente da Deputación, Luis Menor, anunciou o apoio económico da institución, mentres que a alcaldesa Marta Nóvoa confirmou a modificación do planeamento necesaria para avanzar.
O arquitecto Fernando Martínez Lamas presentou o anteproxecto, que contempla un investimento de 20,5 millóns de euros e 129.879 m² de superficie, situado xunto á liña Ourense-Zamora.
O foro concluíu cunha mensaxe de unidade institucional para trasladar ao Goberno central unha proposta conxunta que faga posible a Estación de Mercadorías Ferroviarias de Ourense, un proxecto clave para o futuro industrial e loxístico da provincia.
