O presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), César Blanco, realizou unha visita institucional á Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, onde foi recibido polo presidente da entidade, José Antonio Rodríguez Araújo, e varios membros da xunta directiva.
Durante a reunión abordáronse cuestións de interese para o tecido empresarial, centradas nas infraestruturas e servizos esenciais que garantan a competitividade do Polígono, recollidas no Plan Director da Asociación.
Avances en sostibilidade e medio ambiente
Entre os asuntos tratados destacou a licitación das obras de saneamento do río Barbaña e a nova EDAR de San Cibrao, impulsadas polo MITECO a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Este proxecto, demandado dende hai anos, supón un avance significativo en materia ambiental e sostible para a área industrial.
Proxectos estratéxicos: ampliación e conexión ferroviaria
Tamén se falou da ampliación do Polígono, en fase administrativa, e da necesidade de impulsar a Estación de Mercadorías, proxecto clave que permitiría mellorar a conexión loxística a través do ferrocarril e reforzar a competitividade do Polígono.
O presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez Araújo, agradeceu a visita institucional e destacou “a importancia da cooperación entre a CEO e a Asociación para avanzar en proxectos que melloren a competitividade, a sostibilidade e a capacidade de crecemento das empresas de San Cibrao”.
