A Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao segue a mellorar a seguridade desta área empresarial grazas á axuda concedida pola Xunta de Galicia, no marco da Orde do 2 de xuño de 2025 (procedemento IN519E), destinada á modernización e competitividade dos parques empresariais galegos.
A actuación supón un investimento total de 121.871,89 euros, dos cales 97.497,51 euros proceden de subvención pública e 24.374,38 euros serán achegados pola Asociación. O proxecto desenvolverase ao longo de oito meses, entre outubro e maio.
Un sistema pioneiro de videovixilancia
O Polígono San Cibrao, con 4,8 millóns de metros cadrados, é unha das maiores áreas empresariais de Galicia e conta cun sistema de videovixilancia implantado en 2006. Actualmente dispón de 100 cámaras, 20 delas con tecnoloxía LPR para lectura e rexistro de matrículas.
Durante 2024, a Asociación entregou á Garda Civil máis de 36.000 horas de gravación, axudando a esclarecer 28 incidentes, como roubos, danos materiais e accidentes. Este sistema converteuse nun instrumento esencial na prevención e resolución de delitos en Ourense.
Un proxecto que reforza a seguridade
A nova actuación inclúe a instalación de 20 cámaras adicionais, a configuración do sistema e a implantación de servidores e infraestrutura tecnolóxica avanzada que permitan gardar as imaxes de forma segura e legal, con gravación continua as 24 horas do día.
Tamén se realizarán traballos de canalización e instalación de fibra óptica, mellorando a conectividade e o rendemento da rede.
Compromiso coa seguridade empresarial
Con esta iniciativa, a Asociación reafirma o seu compromiso coa seguridade e competitividade empresarial.
“Trátase dunha aposta estratéxica que garante un entorno máis seguro, disuade a delincuencia e favorece a chegada de novas inversións”, destacou José Antonio Rodríguez Araújo, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao.
