A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao celebrou esta tarde a súa Asemblea Xeral Ordinaria, coincidindo cun ano histórico no que o parque empresarial cumpre 60 anos de actividade e anuncia máis de 60 millóns de euros en investimentos estratéxicos, froito da colaboración entre empresas e administracións públicas.
Fundado en 1965, o Polígono evolucionou ata converterse no maior parque empresarial de Galicia, con 432 empresas asentadas e máis de 8.500 persoas traballadoras. O seu desenvolvemento constante e a súa capacidade de adaptación consolidárono como un referente do tecido produtivo galego.
O presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez Araújo, destacou que neste exercicio aprobouse a undécima ampliación, que engadirá 341.000 m² e elevará a superficie total ata os 5.200.000 m²:
“Aquelas 200 hectáreas iniciais converteranse en breve en 520. A evolución é constante e baseada nun proxecto colectivo”.
Máis de 60 millóns en investimento clave
As actuacións presentadas inclúen:
- 35,7 M€ — ampliación da depuradora e saneamento do río Barbaña
- 17,8 M€ — undécima ampliación do Polígono
- 5,8 M€ — Centro de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA)
- 1,2 M€ — instalación de puntos de recarga eléctrica
- 97.500 € — reforzo da televixilancia
- 197.000 € — mellora do servizo de bombeiros
Rodríguez Araújo destacou o valor da cooperación público-privada:
“Estas actuacións responden a necesidades reais e constrúense desde a colaboración e o compromiso estable”.
Sesenta anos de historia e unha nova etapa de expansión
O presidente lembrou que a primeira ampliación tivo lugar en 1975, cincuenta anos antes da actual, e puxo en valor o papel do Polígono como proxecto vivo:
“O Polígono reinventouse moitas veces, e seguirá facéndoo”.
Reto estratéxico: atraer talento
A captación e retención de persoal cualificado será o desafío dos próximos anos:
“Necesitamos que o talento permaneza aquí e que outros profesionais escollan o Polígono como destino.”
