Novas axudas para persoas autónomas en Galicia

O DOG publica novas axudas para persoas autónomas en Galicia en 2026, reforzando o emprego e a continuidade do tecido produtivo.

autonomos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou dúas ordes fundamentais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que activan un amplo paquete de axudas dirixidas ás persoas traballadoras autónomas en Galicia para o ano 2026, cunha dotación global que supera os 42 millóns de euros.

Estas convocatorias reforzan o papel do traballo autónomo como motor económico, xerador de emprego e peza clave para a fixación de poboación e a continuidade do tecido produtivo.

Axudas á contratación indefinida e formación (TR349F)

A Orde do 17 de decembro de 2025 regula o programa de axudas ás persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida inicial de persoas desempregadas, así como un bono opcional de formación para mellorar as competencias das persoas contratadas.

Aspectos clave do programa:

  • Persoas beneficiarias: autónomos e profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
  • Obxecto: primeira, segunda e terceira contratación indefinida.
  • Orzamento total: 1.350.000 euros.
  • Prazo de solicitude: ata o 30 de setembro de 2026.

Programas de apoio ao emprendemento e consolidación

(FSE+ Galicia 2021-2027)

A Orde do 30 de decembro de 2025 regula cinco programas de axudas a persoas autónomas, cofinanciados pola Unión Europea, cun orzamento total de 40.706.500 euros:

  • Programa I – Promoción do emprego autónomo (TR341D).
  • Programa II – Bono nova oportunidade (TR790A).
  • Programa III – Bono autónomo (TR341Q).
  • Programa IV – Bono remuda (TR353D).
  • Programa V – Bono concilia (TR341R).

O prazo xeral de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2026.

O papel clave das persoas autónomas

Apoiar ás persoas autónomas é apostar polo emprego, a innovación e a cohesión social, garantindo a continuidade da actividade económica e o desenvolvemento dos territorios.