O conselleiro de Emprego reúnese coa Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao para abordar os retos do emprego

A Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao mantivo un encontro institucional co conselleiro de Emprego.

visita conselleiro

A Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao mantivo hoxe un encontro institucional co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez, no que se analizaron diferentes iniciativas destinadas a reforzar o emprego, a formación e a captación de talento no tecido empresarial.

Durante a reunión, o conselleiro puxo en valor a renovación integral das políticas de formación para o emprego impulsadas pola Xunta, destacando o redeseño de programas formativos como as accións formativas para persoas desempregadas (AFD) ou o programa Galicia Suma Talento.

Tamén se destacou o novo enfoque do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, que prioriza a contratación de persoas que previamente participaran en programas formativos financiados pola Administración autonómica.

Durante o encontro abordáronse tamén retos actuais do mercado laboral como a cobertura de vacantes nas empresas ou o absentismo laboral inxustificado.

Atracción de talento

Outro dos aspectos tratados foi o modelo de atracción de talento impulsado pola Xunta, baseado tanto no retorno de persoas galegas do exterior como na incorporación de profesionais procedentes de terceiros países vinculados ás necesidades do tecido produtivo.

Desde a Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao valorouse positivamente este encontro institucional, que permitiu trasladar as principais necesidades do tecido empresarial do polígono e analizar posibles vías de colaboración para mellorar a competitividade e o emprego.