O Foro de Emprego do Polígono San Cibrao conecta participantes do PIE con empresas e profesionais de recursos humanos

O Foro de Emprego do Polígono San Cibrao reuniu participantes do Programa Integrado de Emprego con empresas e profesionais de recursos humanos.

Foro de Emprego AEPI San Cibrao

A Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao celebrou unha nova edición do seu Foro de Emprego, unha xornada orientada a achegar ás persoas en busca activa de emprego ás empresas, técnicos de orientación laboral e profesionais especializados en selección de persoal e recursos humanos.

O encontro, enmarcado dentro do Programa Integrado de Emprego 2025-2026, reuniu a 25 participantes do programa xunto a representantes de empresas de traballo temporal, responsables de recursos humanos e persoal técnico especializado.

Durante a apertura da xornada, o presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez Araújo, destacou a importancia de seguir impulsando iniciativas que favorezan a empregabilidade e a conexión real entre empresas e traballadores.

Formación adaptada ás necesidades reais das empresas

A Asociación puxo en valor os resultados do Programa Integrado de Emprego, que alcanza xa a súa undécima edición e conta actualmente con 100 participantes.

Desde o inicio desta edición, 55 persoas tiveron xa algunha experiencia laboral e 48 continúan traballando na actualidade.

O programa inclúe máis de 500 horas de formación distribuídas en 21 cursos especializados, orientación laboral individualizada, prospección empresarial e prácticas profesionais non laborais.

Esta edición incorpora ademais formación en ámbitos emerxentes como a intelixencia artificial, o Big Data ou ferramentas dixitais como ChatGPT.

Participación de empresas e profesionais do sector

A xornada incluíu un encontro con representantes de empresas de traballo temporal e unha mesa técnica centrada nos procesos de selección e nas necesidades actuais de contratación.

Desde a Asociación destacouse que este tipo de iniciativas permiten reforzar a conexión entre formación e emprego, facilitando a captación de talento e respondendo ás necesidades reais das empresas do entorno industrial.