O delegado do Estado, David Regades, recibiu á directiva da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao.
Zona Franca de Vigo abre as portas da colaboración aos empresarios do Polígono San Cibrao.
Zona Franca mostrou o modelo de parques que xestiona aos representantes da Asociación de Empresarios co obxecto de chegar a algún acordo co Consorcio para replicar o seu exitoso sistema e mesmo levar a Ourense a figura da Zona Franca.
O delegado do Estado, David Regades, recibiu na sede do Consorcio en Bouzas, aos empresarios do Polígono San Cibrao, onde mantiveron un encontro para coñecer a actividade do mesmo.
O sistema de parques empresariais de Zona Franca considérase modélico, onde os propietarios das parcelas xunto co Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello son os piares dun eficaz financiamento da súa conservación e mantemento.
Finalmente, os empresarios de San Cibrao visitaron ademais, o Parque Tecnolóxico e Loxístico en Vigo e o Porto do Molle en Nigrán.
Impresións
O delegado do Estado sinalaba que “a visita dos empresarios ourensáns supón tamén un recoñecemento ao traballo que realizamos desde o Consorcio, onde o apoio á economía, ás empresas e á creación de emprego é o noso principal obxectivo”, ademais o propio Regades mostrábase aberto “a estudar fórmulas de colaboración para estender o modelo de Zona Franca”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez, insistiu nos beneficios de establecer lazos de colaboración conxunta, “establecer sinerxias, cooperación e entendemento con Zona Franca de Vigo, unindo forzas para lograr metas que redundarán en beneficio dos tecidos empresariais de ambas as localidades”.
Ambas as organizacións acordaron estudar a posible creación dun espazo aduaneiro no Polígono San Cibrao, podendo as empresas beneficiarse das vantaxes fiscais que isto achega, non pagando aranceis nin impostos interiores, ata o seu despacho aduaneiro, facéndoo ademais á súa medida.