As novas parcelas da ampliación do Polígono San Cibrao estarán á venda ao longo do 2025

Luz verde para a modificación do plan parcial que permitirá a ampliación do Polígono San Cibrao.

Empresas Polígono San Cibrao aéreas

As novas parcelas que se construirán coa ampliación do Polígono San Cibrao estarán á venda ao longo do próximo ano 2025.

Así o confirmou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita realizada á sede da Asociación, onde foi recibida polo seu presidente, José Antonio Rodríguez Araujo, e mantivo unha reunión cos membros da xunta directiva.

Os empresarios valoran positivamente que se deu luz verde á modificación do plan parcial para a ampliación de parcelas

Este é o calendario que manexa a Asociación de Empresarios despois da visita da conselleira e o que foi trasladado ao comité directivo da entidade empresarial, que se reuniu esta mañá.

No encontro valorouse moi positivamente este anuncio que permitirá que novas empresas poidan instalarse no polígono.

Tal e como explicou a conselleira, esta mesma semana recibiuse o informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a modificación do plan parcial do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, o que posibilitará a súa aprobación.

Atendendo aos prazos administrativos, os empresarios confían en que as obras poidan licitarse canto antes para que as parcelas poidan ofrecerse no 2025.

A distinción como proxecto singular do aparcamento de camións acelerará os trámites para a súa construción coa adxudicación directa dos terreos

Na súa visita á sede da Asociación, a conselleira de Medio Ambiente tamén anunciou a declaración de proxecto singular a construción do aparcamento de camións na Cidade de Transportes.

Esta declaración permitirá adxudicar a parcela A2, de máis de 11.200 m2, á Asociación de Empresarios de forma directa e en compravenda.

O proxecto, con perspectiva de xénero, prevé habilitar 59 prazas de aparcamento para camións e dous inmobles separados para homes e mulleres con accesos diferenciados, controis de acceso e videovixilancia.